Que é un bosque?

O uso do termo bosque empregouse case sempre dun xeito un tanto indiscriminado e poucas veces acertado para designar calquera espazo arborado. Aplícase por veces a unha vizosa carballeira ou mesmo a plantíos inmensos de eucaliptais e piñeiros nun monte calquera. Pero un bosque, non ten (nen debe) unha definición única. É algo moito máis complexo e amplo que un conxunto de árbores simplemente. Desde O Sequeiro queremos a través dunha colaboración conseguir aportar unha raiola de luz.

Cabanavella (Os Ancares). Imaxe de Xan Lois Cabreira

Xurxo Pérez Pintos, a través desta achega, axúdanos a poder ilustrar que é un bosque e logo así por descarte evidenciar con seguridade o que non o é. O autor, biólogo comprometido, organizador de xornadas ambientais anuais para mestres coa ASPG e a CIG é autor do libro Historia contemporánea da destrución da natureza en Galizae logo, partillando con Xose María Bouzó, As bioinvasións en Galiza e A pegada socioecolóxica do sistema enerxético galego.

Bidueiral e reboleira no Val de A Seara (Quiroga). Imaxe de Felipe Castro

Por cuestións de espazo, nesta entrada, reproducimos un resumo do documento orixinal. Pincha aquí se queres consultar o texto completo. As imaxes desta entrada están cedidas por Felipe Castro, Xan Lois Cabreira e Abraham Breikus.

Caraballeira en Santo Estevo de Anllo (Sober). Imaxe de Felipe Castro

O BOSQUE ATLÁNTICO: PROCESOS, COMPOSICIÓN, ESTRUTURA

Algunhas definicións botánicas de bosque son do tipo: “agrupación de árbores en espesura”, ou “sitio poboado de árbores”…. Outras son como a dun libro de xeobotánica que dí que un bosque é unha “formación arbórea cunha estrutura suficientemente densa como para establecer unhas condicións microclimáticas no seu seo, diferentes das reinantes fóra del. Estas inflúen decisivamente na composición do sotobosque: un espectro de vexetais adaptados e propios dese tipo de comunidade vexetal”. Estando ben, ten o defecto de ser algo circular…

No que segue especifícanse unha serie de características típicas dun bosque atlántico caducifolio europeo, que poden ser como unha nómina de requisitos para incluír nesa categoría a un determinado sistema biolóxico dominado por árbores. Por que ese é o tintimán da cousa. Está claro que o bosque caducifolio temperado é un bioma; está claro (pero menos), que é un climax; tamén está claro que é un ecosistema. Pero… por qué é un ecosistema, un climax, un bioma característico? Pois porque presenta o conxunto de riscos que a continuación se especifican.

Devesa da Rogueira (O Courel). Imaxe de Felipe Castro

Os bosques naturais recoñécense a distancia pola largura das súas copas, árbores dominantes polo dosel ou canopea irregular, heteroxénea, polas árbores mortas de pé, polos claros ou calveiras e espallados nel hai grupos de pequenas árbores en fase de crecemento rápido. Teñen como principais características a moi alta biomasa das plantas vivas, a gran abundancia de madeira morta e a estrutura complexa, en vertical e en horizontal e mesmo na dimensión temporal.

Imaxe de Xan Lois Cabreira

Na máis ampla escala, cada tipo de bosque está constituído por unha ou unhas poucas especies vexetais dominantes, acompañadas por un gran número de especies que se dan en baixa densidade e baixa biomasa.

Unha característica senlleira do bosque temperado é o seu “mosaicismo” horizontal, en todos os niveles, do arbóreo ao muscinal; o bosque organízase en teselas . Son raras as zonas con árbores de distintas especies mesturadas, e mesmo, as zonas con árbores da mesma especie de idades diferentes; pola contra, o común é a agrupación de especies e de clases de idades.

Nos bosques mixtos o patrón máis frecuente é o de grupos amplos de individuos dunha soa especie. Esta distribución pode responder a pequenas diferenzas nas condicións locais, que pode verse reflectida nas preferencias finas de determinadas especies, ou, máis frecuentemente, pola coincidencia dunha perturbación que creou un claro cunha produción especialmente abundante de sementes dunha especie en particular. Xeralmente, a composición específica permanece estable na paisaxe por centurias, pero flutúa localmente. Nestes bosques, as plántulas das árbores tenden a agruparse arredor da base das árbores grandes do dosel; isto é debido, ás veces, ao rebrote das árbores xa instaladas, máis frecuentemente, a que a auga que escorre polo tronco representa un aporte regular e nutritivo, e que, xusto baixo o tronco, é menor o tripar e o pastar dos mamíferos.

Imaxe de Abraham Breikus

É característico que sitios similares, con frecuencia, non soportan a mesma combinación de especies. A diversidade a pequena escala é, en xeral, maior arredor dos regatos. A pendente do terreo, as beiras, as cheas…, producen en distancias moi curtas condicións moi diferentes, que son aproveitadas por distintas asembleas de especies. Por exemplo, nos bosques de Ancares, preto do curso dos arroios que van aos regatos, abonda a avelaira; nos solos máis profundos de preto do regato vai o pradairo; nas zonas máis alagadizas, o amieiro…

Loureiral nas Rías Baixas. Imaxe de Xan Lois Cabreira

A diversidade é mantida, polo menos en parte, pola tendencia das especies de árbores a non rexenerar baixo si mesmas. As máis das plántulas de arbores que medran ao pé das arbores do dosel son de especies diferentes a aquelas a cuxo pé medran. Tense querido explicar isto polo feito constatado de que baixo as árbores parentais é moito maior a probabilidade de predación; por exemplo, as abundantísimas larvas de avelaíñas que soporta un carballo poden, abaladas polo vento, caer sobre os novos carballiños e desfolialos severamente, e non fan o mesmo co loureiro, un supoñer. En Ancares, baixo os carballos, con frecuencia abondan as plántulas de acivro; no Val Miñor, baixo carballo, abonda o loureiro.

A existencia de grupos de árbores de idades semellantes (que se instalaron, por exemplo, ao abeiro dunha mesma perturbación), e de árbores relativamente xoves (de menos de 100 anos); conforme pasa o tempo, esa masa tende, por mortandade diferencial e recrutamento, a albergar árbores de idade diferente.

Os grandes fragmentos de madeira morta son un risco característico dos bosques naturais, e resultan esenciais no funcionamento do bosque. Trátase de madeira caída, árbores mortos de pe, polas mortas en árbores vivas, “columnas”de madeira morta en árbores vivos… Nos nosos bosques, a descomposición das árbores caídas pode tardar case 200 anos en descompoñerse; o normal é que tarde 75 anos en acadar o 10% da súa densidade orixinal. Conforme apodrecen, van liberando nutrientes, enriquecendo o solo en materia orgánica, mellorando a estrutura, incrementando a capacidade de infiltración e a capacidade de retención de auga. Os grandes fragmentos de madeira morta son particularmente importantes para os invertebrados, aos que lle fornecen alimento, lugar de hibernación, acubillo, apareamento…. Os máis dos pequenos mamíferos usan as grandes porcións de madeira morta caídas no chan; polo contrario, aves e morcegos usan as árbores mortas que se manteñen en pé. Os troncos caídos que están en avanzado estado de descomposición son utilizados como refuxio por roedores, anfibios e réptiles . Nos bosque naturais preto da cuarta parte das especies de aves fan niños en cavidades labradas na madeira morta das árbores.

Imaxe e Xan Lois Cabreira

Moitas das especies herbáceas dos nosos bosques son perennes, e teñen a capacidade de inzar de xeito vexetativo, e, tipicamente, producen poucos propágulos de pouca dispersión (non son “colonizadoras”; dise que o bosque “avanza” como un todo).

A vexetación do chan dos bosques tende a formar un mosaico de “teselas” dunha só especie, non unha mistela homoxénea de diferentes especies. En conxunto, e a gran escala, a vexetación do solo pode ser vista como sociedades de pequena escala con gradientes cambiantes de probabilidades. En xeral, en solos de bosques ricos en materia orgánica, a vexetación do estrato inferior non é rica en especies.

Os claros, ou calveiras, son un risco característico dos bosques. As especies non de bosque, responden ao aclareo expandíndose dende enclaves nos claros do bosque ata as áreas máis amplas permanentemente aclaradas, ou inmigrando dende outras rexións. No bosque natural as especies forestais ocupaban un hábitat espacialmente continuo, e as non forestais ocupaban claros transitorios espacialmente restrinxidos; logo da deforestación, a cousa invértese. O monte, as leiras, os camiños… creados pola destrución dos bosques vanse poboando de plantas que veñen da marxe do bosque, ou de claros, ou de localidades “relictas”, como cantís marítimos ou montañas, ou de hábitats máis abertos e mediterráneos.

Os pequenos fragmentos remanentes do que foi bosque albergan un limitado xogo de especies de bosque que usan pequenos territorios; albergan tamén unhas poucas especies de bosque que usan territorios amplos que inclúen variedade de hábitats (que poden atopar nas zonas non forestais próximas), e albergan un gran número de especies de hábitats “seriais” (no sentido que ten o termo na teoría do clímax). Ao devecer os bosques, as especies de borde aumentaron; correlativamente, as especies dependentes da madeira en descomposición diminuíron. Ao continuar o aclareo, incrementouse a “densidade de poboación”, disminuíu a diversidade e incrementouse a importancia das especies migratorias.

A máis característica transición do bosque é a existente entre este e a zona alpina. Hai nela pedreiras, herbeiras, mato e retrincos de bosque, con árbores que son máis baixos e dispersos conforme aumenta a altitude; isto non é unha manifestación directa dos efectos do clima no desenrolo da árbore, senón unha tendencia produto do balanzo entre o crecemento da árbore, impacto das perturbacións, condicións locais, crecemento das herbas e acción dos herbívoros.

Imaxe de Xan Lois Cabreira

O vento orixina o 70% das mortes de árbores e é o principal causante da súa morte natural. Cando é desarraigada polo vento, orixínase unha microtopografía de fasquía característica, cun pequeno montículo e unha pequena depresión; en xeral, no montículo hai “solo mineral”, e na depresión acumúlase restroballo, dándose un substrato máis húmico. Por outra banda, o tronco e as polas da árbore caída, cando podrecen, enriquecen de nutrientes a porción do solo das súas inmediacións. Estes microambientes distintos orixinan distintas asembleas de especies medrando en cada unha delas. A microtopografía de “montículo e depresión”representa ata un 1% da superficie do bosque” (repárese en que poden durar moitos anos).

Non é este o único xeito polo que as perturbacións xeran diversidade. Tamén producen oportunidades, orixinan fases distintas na sucesión cara ao clímax e crean microambientes. Por outra banda, estimulan os cambios na vexetación en resposta a tendencias climáticas a longo prazo. A rexeneración non é un proceso continuo; máis ben vai aos pulos. Por exemplo, o carballo só produce farta de landras cada 2-5 anos; a faia, cada uns 3 anos. Esta “sobre abundancia” de froitos interprétase como un mecanismo que “sacia aos predadores”.

Imaxe de Xan Lois Cabreira

A rexeneración das especies tolerantes á sombra (acivro, faia), tamén vai aos pulos polo crecemento; as plántulas poden estar como suprimidas, ou abafalladas, baixo as árbores do dosel, e, cando se abre unha brecha, tiran cara arriba con vigor; se pecha antes de que elas acaden o dosel, paran de medrar, esperan, mesmo moitos anos, outra(s) oportunidade(s).

A neve e o frío moi raramente afectan, aquí, aos bosques de montaña. Nos ríos encorados, de cuxas beiras xa foi hai moito tempo eliminado o bosque aluvial natural, hoxe, as cheas son un factor pouco relevante. As secas raramente destrúen unha masa boscosa, pero confiren vantaxe ás especies que as aturan; isto pode expresarse na paisaxe como unha asemblea característica de especies en sitios con tendencia ás secas, como son os afloramentos rochosos, ou as pendentes convexas con solos delgados.

Os bosques aluviais (asociados aos ríos) foron, historicamente, dos primeiros en ser alterados, e case non quedan deles, no conxunto de Europa. En Galiza, tampouco quedan (non son os chamados bosques “en galería”); poden verse retrincos que permiten facerse unha idea do que foron nas ribeiras do Louro, e do Miño nalgures entre Salvaterra e Tui.

Os nosos bosques teñen unha estrutura vertical de complexidade variábel. Moi baixa nos faiais, (por exemplo, no da Pintinidoira), onde a sombra non deixa medrar case nada baixo as árbores, e cando a forza das follas, todo o que está baixo a árbore semella ermo. Tamén baixo os aciveirais e teixedais, de árbores moi sombrizas e de folla permanente. A diversidade de vexetación, e a complexidade estrutural, comprendida a vertical, correlacionan coa diversidade animal. A máis complexidade, maior diversidade. Tense comprobado que a diversidade vertical de hábitat e a heteroxeneidade de fases de rexeneración (que está relacionada co anterior), promoven o fenómeno de “segregación de nicho” (diferentes oportunidades de nidificación, refuxio, alimentación…), e isto pula a diversidade de vertebrados.

Bidueiral no val do río Pequeno (O Courel). Imaxe de Felipe Castro.

A estrutura vertical é a expresión dos distintos límites de tamaño, das distintas idades, das distintas taxas de crecemento, da estratificación, do grao de nutrición…. En xeral, nos nosos bosques, o grao de estratificación non é moi elevado, as limitadas epífitas son maiormente liques e criptógamas, as trepadoras non son moi abundantes nin variadas. Un dos procesos que máis dá para caracterizar un tipo de bosque é o da dispersión. As árbores dos nosos bosque son , no que máis, polinizadas polo vento, isto é como un patrón ou risco global: As máis das árbores nos bosques tropicais (nas terras baixas) son polinizadas polos animais; conforme se vai “subindo” polo globo terráqueo, aumenta a polinización polo vento.

Imaxe de Xan Lois Cabreira

En conxunto, nos nosos bosques, os axentes polinizadores animais son os insectos. Os vertebrados teñen importancia na dispersión das sementes das árbores dos nosos bosques, sobres todo as aves. As máis das interaccións entra as plantas e esas aves son xeralistas e pouco eficientes para as plantas; tamén nesto cúmprese a tendencia xeral dun baixo grao, comparativo, de coevolución entre animais e plantas. Na dispersión das esporas dos fungos micorrícicos teñen importancia os pequenos mamíferos. A dispersión das sementes das árbores polo vento é abundante (pradairo, salgueiro, ulmeira, amieiro…). No conxunto de Europa, o 60 % das árbores forestais teñen sementes dispersadas por animais. Hai dous tipos de diseminación por animais: o das sementes recubertas por froitos carnosos, e o das sementes que se dispersan espidas. Neste caso, que é o do carballo, as sementes son recollidas, almacenadas e, frecuentemente, esquecidas. No caso das sementes recubertas por cobertura carnosa, os froitos, dispersados o que máis polas aves, teñen cor vermello, negro, azul, púrpura…(teixo, capudre, silva, arando, hedra…), e son máis conspicuos pola cor que polo cheiro.

Imaxe de Xan Lois Cabreira

Adoitan, os libros sobre bosques non definir o que é un bosque, como moito, definen unhas circunstancias ambientais que se dan nel, ou propoñen un xeito de gradación dende o que é un bosque ata o que manifestamente non é. Isto é así polo difícil que resulta definir “bosque”. E aínda o é máis atopar unha definición do asunto adxectivado: do bosque atlántico, ou bosque caducifolio temperado, ou como se lle deba chamar a iso que é como o de Cabanavella, que neste texto considerouse como un concepto.

Reboleiras en Ferramulín (O Courel, no límite con León). Imaxe de Felipe Castro

Unha opinión sobre “Que é un bosque?

  1. Moi interesante

    Gústame

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close