A ORIXE E O PORQUÉ DOS INCENDIOS FORESTAIS EN GALIZA

As primeiras mudanzas  de usos feitas polas persoas nos nosos montes, cara ao actual universo “forestal” galego veñen de antigo. Desde o neolítico, hai uns 6000 anos e incluso antes, pouco resta da nosa contorna que non fose modificado pola man humana para seu uso e beneficio coa chegada da agricultura e a gandería. E a ferramenta máis antiga e eficaz para facer o entorno favorable aos seus intereses foi o lume.

Para abrir claros entre o bosque e facilitar a caza primeiramente, para xerar pastos e impulsar as primeiras actividades gandeiras e agrícolas despois, empregábase o lume. Existía (existe) toda unha tecnoloxía organizada do lume, que tiña un uso individualizado (para queimar uns restos dunhas silveiras) ou de xeito colectivo, en grupo (para rexenerar, matogueira ou xerar pastos, para un cultivo cerealista (as estivadas, cachadas), para espantar bestas… Só se reservaban como áreas “arboradas” pequenas fragas para obtención de madeira e tamén soutos, para alimento. Puntualmente plantábanse algunhas árbores e matogueiras arbustivas (toxo e xestas) para teitar (colmar) e  dar lume no fogar. Usouse e mudouse a práctica totalidade do territorio co lume.

Claro que unha cousa é o manexo do lume como ferramenta e outra ben distinta son os contemporáneos incendios forestais. É a partir de comezos do século XX cando en función do momento histórico o lume pasa de ferramenta agraria a instrumento con distintas vertentes: instrumento de protesta (época das ditaduras), instrumento administrativo (a partir dos anos 70 do século XX), instrumento de confrontación política (a partir dos anos 80 do século XX), instrumento mediático (século XXI).

A orixe deste mal, ten as súas bases nos usos e a propiedade da terra. Nacera e agrávase co réxime liberal e coas desamortizacións de mediados do século XIX. Os montes eran do campesiñado, cunha “forma xurídica” que tiña a súa orixe no dereito xermánico coma unha propiedade colectiva, comunal, non rexistradas, dun uso e recoñecemento poderíase case dicir “democrático-popular”. Isto obviamente, chocaba coas pretensións dun sistema económico que intentaba aterrar, o capitalismo, e dunha administración política que ía por outro lado, recoñecendo só o principio da propiedade privada particular ou a pública da administración.

Os incendios forestais aparecen logo, coas primeiras plantacións  de piñeiros deseñadas por enxeñeiros de montes e inspirados na escola alemá, que tiña a árbore coma epicentro exclusivo de uso en espazos “non agrícolas”. Primeiramente durante a ditadura de Primo de Rivera e posteriormente, xa máis grave e masivamente, na etapa franquista cunha máis violenta imposición.

Este réxime, que sufríu certo illamento internacional, precisaba dotarse (entre outros recursos e materias primas para unha maior autosuficiencia) en madeira e derivados. Este feito priorizou a plantación de árbores nos montes e en consecuencia levou aparellado mudar no rural o arraigado sistema agrogandeiro.

Empezou entón, unha ocupación pola vía forzosa, a través de concellos e deputacións, sen contar  co consentimento dos seus lexítimos titulares; expulsándoos e afastándoos  dun seu espazo vital  para sustento. Obrigouse a retirar o gando do monte, cercándoo, a non poder traballar esas terras (compre lembrar que para ben estercar unha unidade de terra  precisábase dúas de monte que aportaría o preciado estrume, indispensable, para logo mesturado fertilizar as terras de cultivo).

Abocábase así, a miles de familias dependentes deste medio á miseria, a emigrar, á desesperación e tamén en consecuencia a plantar lume coma resposta ás novas plantacións.

As especies escollidas para os plans de forestación foron as de crecemento rápido primeiro (madeiras brandas) o piñeiro marítimo Pinus pinaster e máis tarde pulida a tecnoloxía coas pasteiras de produción primaria, obtendo na nosa terra uns “fabulosos rendementos”, plantar eucalipto branco Eucalyptus globulus.

Pronto o conflito inzou con forza na Galiza con reiterados incendios xa nas primeiras décadas do século XX. Era unha confrontación de intereses entre un estado que ía por un lado apostando só polo uso forestal do monte e un campesiñado, desesperado, que intentaba, coa ferramenta de sempre, recuperar o territorio usurpado na procura da propia subsistencia. Co tempo, boa parte do agro, moi empobrecido, foise afastando dos seus montes emigrando uns, buscando novas ocupacións, minguando as súas producións outros.

Por outro lado o estado, co tempo,  foi consolidando (con dificultade) os seus obxectivos. Moitos dos nosos paisanos e paisanas (sempre nun réxime de semiclandestinidade),  intentaban recuperar co lume parte do seu. Os montes estaban agora cubertos de enormes extensións de masas monoespecíficas e coetáneas que ían ardendo en parte ou na totalidade, de cando en cando.

Inicialmente, con gran capacidade de intervención forzosa e xestión, o  aparato do estado creou nos anos 40 do século XX o PFE (Patrimonio Forestal do Estado) e así  forestaba, apagaba, perseguía, reforestaba, cercaba, vixiaba… Logo creou nos anos  70 do século XX o ICONA (Instituto para a Conservación da Natureza), adaptándose a uns “novos tempos” (devalo da ditadura) e paralelamente  dotándose dun potente sistema de extinción.

Xa algo antes, pero completándose a comezos dos anos 80 do século XX, as terras comunitarias comezan a ser devoltas e recuperadas polos seus lexítimos titulares, a veciñanza das comunidades de montes veciñais. Logo de sufrir multas, cadea e incluso a morte (como exemplo a mediados do século XX a Garda Civil mataba a un veciño de Añón en Mazaricos, que se interpuxera ante a maquinaria do PFE á repoboación con eucalipto). Pero estas terras xa non eran as mesmas de antes da usurpación. O sistema estaba xa roto, agora cos cambios económicos e  sociais, o monte era algo  complementario e contemplábase como algo alleo. Perdérase certo sentido da pertenza e vencello co monte. A veciñanza delegaba agora a súa xestión a xuntas reitoras (de carácter voluntario), empequenecidas ante o gran desafío do novo uso forestal (case perdera a meirande parte dos seus usos agrogandeiros).

As novas administracións de finais do século XX apenas se implican, aprobando plans só forestalistas (Plan Forestal de Galicia 1992, hoxe en revisión) onde non se ordena o territorio, nin se albisca vontade para elo. As especies forestais  non se diversifican e eucaliptos e piñeiros espállanse libremente, o que está a afectar seriamente á nosa biodiversidade; sendo moi grave a expansión da primeira especie. Xa non hai implicación do conxunto da parroquia, o monte embasta aínda máis, a paisaxe mosaico mingua ou desaparece,  o monte invade o espazo urbano. Particulares descoidan a limpeza empregando en xeral no monte e nos labradíos especies forestais que xa tiñan ou lles ofrecen: especies de crecemento rápido para, no mellor dos casos, sacar unhas minguadas rendas a curto prazo. Xabarín e  corzo multiplícanse en número e estragan colleitas do minguado rural. En boa parte comézase a percibir o monte como algo alleo e hostil por momentos. Por riba, os conflitos de titularidade entre algúns propietarios particulares coas comunidades de montes por deslindes e  tamén unha errada xestión gandeira en zonas do territorio de monte aboca á histórica solución do emprego do lume como instrumento existindo unha mudanza nas motivacións do uso do lume.

Os incendios forestais hoxe, son unha pesada lousa para a nosa sociedade. Por riba dos terribles efectos medioambientais: contaminación atmosférica, empobrecemento edáfico con perda de solo polo arrastre das augas e as conseguintes inundacións en espazos urbanos, degradación da xa maltreita biodiversidade (os lumes están simplificando ecosistemas xerando unha matogueira pirófita e resistente aos reiterados lumes), a perigosa contaminación químico-mineral das augas para o consumo, cubrición por restos e cinzas provocando asfixia nos bancos marisqueiros….. A nivel social provocan graves estados de alarma e de emerxencia cidadán con perdas materiais e o máis grave nas últimas décadas: vidas humanas.

O actual dispositivo de extinción, sen maior ampliación para funcións preventivas, resulta custoso de máis. Calculábase a principios da presente década que os gastos de extinción poderían equivaler ao valor dun cuarto da produción madeireira.

O presente e o futuro a curto prazo non se albisca esperanzador. Até hai pouco eran as condicións climáticas extremas periódicas de longas secas, baixa humidade e dominio do nordés. Hoxe coa suma do cambio climático, provocando prolongados períodos de seca cunha mingua significativa das estacións húmidas e en consecuencia un estrés hídrico nas especies vexetais coa incorporación dun plus excesivo en biomasa.

Extraído de Galicia Ciencia

Nos incendios forestais de comezos do século XXI e en especial en agosto de 2006 tivemos lumes de primeira a quinta xeración, pero arestora nos de outubro de 2017 e varios avisos en 2020 (Cualedro, Mezquita) podemos afirmar que xa están aquí os incendios de sexta xeración ou, unha tipoloxía propia de Australia ou Siberia descoñecida nestas latitudes e para a que non hai dispositivo de extinción no mundo que lle poida facer fronte.

Non hai solucións doadas nin inmediatas a este mal, e no  caso de empezar a camiñar cara elas só terían efectos a medio prazo. A superación dos problemas estruturais dos incendios virán da man da recuperación do rural, dotando ao monte da multifuncionalidade que debe posuír e en consecuencia da fin da inmensa masa continua de monocultivos forestais. A maiores hai que consensuar medidas no territorio contando cos seus habitantes. De facerse, habería que ir establecendo prioridades poñendo a vida das persoas cos seus bens en seguridade, e en paralelo, gradualmente, ir intervindo na ordenación do medio para conseguir unha paisaxe máis resiliente.

Xan Lois Cabreira (bombeiro forestal)

Gracias a Hélio Madeiras por algunha das imaxes, así como a compañeiros da brigada de Marrozo, e doutras helitransportadas que aportaron algunhas das imaxes utilizadas

Unha opinión sobre “A ORIXE E O PORQUÉ DOS INCENDIOS FORESTAIS EN GALIZA

  1. A queima de eucaliptos propicia que estes retoñen con máis forza.

    Gústame

Os comentarios están pechados.

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close