Mulleres, comunidades e coidados moito por facer e compartir

Co novo ano 2021, vai un texto que quedara pendente 🙂

En agosto de 2020, no medio da pandemia da COVID19 e doutra crise social e económica, algunhas persoas aproveitamos para ler e inda, con máscara, atrevernos a reunírmonos con outras interesadas en falar de comunidades rurais, montes e outras cousas.

O 23 de agosto xuntámonos algunhas persoas en Froxán (Lousame). Alí falamos animadamente, con moitas ganas de compartir e facer cousas sobre os montes veciñais, o eucalipto e a xestión do territorio en Galicia. Unha persoa nova, pero de moita bagaxe, preguntaba con gheada e seseo, porque hoxe se fala de comunidades de montes veciñais e non de comunidades veciñais. A nós paréceunos un tema para reflexionar. Se cadra, que as asambleas de veciñas valesen para falar máis que de monte, permitiría achegarse e ata resolver algúns dos moitos problemas das aldeas que non solucionan concellos, nin a deputación nin a Xunta nin ninguén.

Ao falar desta trinidade administrativa (Xunta, deputación e concello) lembramos con retranca o Catecismo do labrego e textos como:

“P.- ¿Qué cousas son as que creedes como labregos?
R.- Os artículos, principalmente como se conteñen no credo.
P.- ¿Pra qué son os artículos?
R.- Pra dar noticia dos deuses da nosa aldea.
P.- ¿Quén son eses deuses?
R.- O Alcalde noso señor, o Segredario noso amo, e o Cacique noso dono.”

A lectura desa obra literaria de 1889 que parodia o Catecismo da doctrina cristiana que se empregaba na catequese en Galicia daquela, pode facerse na web do procomún. Despois de 131 anos aínda teñen vixencia algunhas cousas como as emocións que provocaron aquel enorme éxito popular, e que hoxe tamén nos fan rir e pensar.

En Lousame falamos do libro “Árbores que non arden” e do interesante capítulo 7 de Lola Ferreiro: “Coidados, Comunidade e resiliencia antes e despois dos lumes” onde aporta unha mirada imprescindible para cambiar as cousas. Lola Ferreiro fala da cohesión das comunidades que ten moito que ver cos coidados colectivos e individuais. Pensabamos nisto xusto despois de que outra persoa preguntase que vai pasar nos montes veciñais cos novos contratos de xestión pública.

Aqueles días o goberno da Xunta de Galicia iniciaba a XI Lexislatura e ademais da pandemia no medio rural e nos montes seguían a existir moitas incertezas: o novo plan forestal de Galicia, os devanditos contratos de xestión pública (que sustituirán a convenios e consorcios) e as novas versións das axudas económicas para deslindamentos, avinzas, proxectos de ordenación e selvicultura para montes veciñais.

O 29 de xullo de 2020, a investigadora Beatriz Rodríguez-Morales López do grupo de investigación ECOAGRASOC defendeu a súa tese de doutoramento sobre a percepción social dos servizos do ecosistemas nos montes veciñais do Xalo e reflexionaba sobre a importancia de non deixar fóra a voz das mulleres na gobernanza dos montes veciñais e considerar novas metodoloxías como a fotovoz e os cafes do mundo para incentivar a súa participación e coñecer de primeira man a súa opinión. . A inclusión participativa das mulleres nas asambleas e nas directivas das comunidades de montes permitiría integrar a diversidade de visións e valores nas decisións de xestión e nos instrumentos de ordenación dos montes veciñais, incluindo así os beneficios intanxibles máis alá da mera produción de madeira. A Calificación foi de Sobresaliente Cum Laude.

En Froxán de Lousame o 23 de agosto de 2020 unha muller con decadas de experiencia compartía o seu pensamento e razoaba: “está a fallar a comunicación, outros falan polas comunidades en vez de ser nosoutras as que digamos o que queremos e facemos“.

É bo escoitar e facer o que nos din estas mulleres?

Estamos convencidas que si, e desexamos que 2021 sexa un ano venturoso no que as comuneiras e as persoas que vivimos e traballamos arredor dos montes escoitemos, pensemos e fagamos cousas que paguen a pena.

Unha opinión sobre “Mulleres, comunidades e coidados moito por facer e compartir

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close